CIUG

Busca en Internet

.

domingo, 20 de diciembre de 2015

A LÍRICA DO AMOR NO RENACEMENTO: O PETRARQUISMO. ORIXES: A POESÍA TROBADORESCA E DOLCE STIL NUOVO

1.1) A LÍRICA DO AMOR: O PETRARQUISMO


Denominamos “petrarquismo” a unha corrente da lírica renacentista  que está influida pola lírica amorosa  do florentino Francesco Petrarca. A influencia do Petrarca inclúe tanto aspectos formais como temáticos. Nos temas destacará  o culto á beleza, o protagonismo da natureza (bucolismo) e do amor, da man do cal está a muller como eixo en torno ao que vira a filosofía do amor petrarquista, ao xeito do amor cortés.

En Italia o petrarquismo tivo bos continuadores como Pietro Bembo e  Jacopo Sannazaro; en Portugal foi poeta petrarquista Luís de Camoens; en España introduciron o petrarquismo Garcilaso de la Vega e Juan Boscán.


PETRARCA naceu en Arezzo, en 1304, de familia florentina, que fuxiu como Dante ao triunfar os güelfos negros. Viviu un tempo en Aviñón, onde coñeceu a Laura, que inspiraría toda a súa obra poética en italiano.En 1340, en recoñecemento á súa obra en latín, foi coroado en Roma como poeta. A morte de Laura en 1348, a causa da peste que se estendeu por toda Italia, provocou nel unha fonda crise espiritual. Viviu en varias cidades ata a súa morte en Arquá en 1374.

Petrarca foi un grande estudoso e admirador dos autores clásicos grecolatinos, polo que é considerado como un dos primeiros humanistas e precursor do Renacemento. Por iso, non é de estrañar que escribise en latín algunhas das súas obras, como, por exemplo, un extenso poema titulado África. Non obstante, a fama de Petrarca débese á súa poesía en italiano: Trionfi (Os triunfos), poema alegórico ao xeito de Dante, e  Canzoniere (Cancioneiro).


O Cancioneiro

Na súa forma definitiva, o Cancioneiro consta de 366 composicións, con predominio absoluto dos sonetos (317). No Cancioneiro conflúen tres correntes:

- A da tradición provenzal, cuxo código do amor cortés segue exercendo un importante influxo.´

- A da poesía da corte siciliana do século anterior, que impuxo as súas innovacións formais (<soneto e hendecasílabo).

- A influencia máis directa do Dolce Stil Nuovo.

O primeiro soneto abarca en si mesmo o tempo ao representar a perspectiva dun poeta maior e máis sabio que mira cara atrás e contempla os erros de mocidade do home que foi, expresando arrepentimento e vergoña polos vans sufrimentos e vas esperanzas.Pero o tema dominante faise presente ao longo do Cancioneiro: o amor or Laura “in vita “ e “in morte”, o que dota á obra dunha grande unidade.

1ª parte (in vita):

  • Dominada pola influencia stilnovista. Comeza a desenvolverse o motivo das queixas amorosas.
  • Mito de Laura :  Cantada pola beleza e virtude / altiveza e desprezo. Tensión: razón/desexo; desesperación e esperanza, atrevemento e medo… expresadas en metáforas como o “lume que xea” (dolce amaro)
  • Sonetos do presentimento: anúnciase a morte de Laura.

2ª parte (in morte)
  • Levada ao ceo, convértese  nunha muller comprensiva, consolo e camiño de salvación.
  • O poeta chama pola morte, confesa o erro por tela amado demasiado.
  • Nas dúas últimas cancións do ciclo, leva a cabo un acto de contrición definitivo, depositando todas as súas esperanzas en Deus e rezándolle á o Virxe María, a quen ofrece unha peza de amor pedíndolle misericordia e bo consello, o fin dos seus sufrimentos e un comezo de salvación.


No estilo empregado para a expresión do amor son de notar os seguintes
trazos:

- O uso dunha linguaxe sinxela e á vez exquisita, cunha depurada selección léxica en busca do refinamento e a elegancia, e que habería de marcar o camiño da lingua poética de séculos posteriores.

- O emprego abundante de recursos retóricos que contribúen a suxerir matices moi variados do sentimento. Destacan as figuras baseadas nas oposicións (antíteses, paradoxo, oxímoro) e, especialmente, as metáforas, algunhas de gran orixinalidade.


1.2. AS ORIXES DO PETRARQUISMO: A POESÍA TROBADORESCA E O DOLCE STIL NUOVO: 

1.2.1)        A POESÍA TROBADORESCA:

 A poesía trobadoresca, que exerceu grande influencia en toda a Europa medieva, trátase dunha poesía refinada e cortesá, orixe de toda a lírica en lingua romance, que se cultivouse nas cortes señoriais de Provenza dende o século XI ao xiv. Composta e cantada en lingua occitana ou provenzal polos trobadores, desenvolve sobre todo o tema do «amor cortés»: relación amorosa entre o poeta e unha dama idealizada á que rende homenaxe, pois séntese ante ela como unha especie de vasalo. Adoita ser tamén un amor desinteresado, que ennobrece o poeta, o cal adquire un compromiso de fidelidade eterna, a pesar de que nunca será correspondida Como obstáculo que se opón ao amor, aparece o marido celoso.
                
Os xéneros principais son: a cançó (ou canción, de tema amoroso), o sirvents (ou serventesio, de carácter satírico) e a tençó (ou disputa, discusión ou debate sobre temas variados). Cultívase tamén a albada (separación dos amantes ao amañecer despois de pasar a noite xuntos), a pastorela (encontro no campo entre un cabaleiro e unha pastora) e o pranto (lamento fúnebre por un gran personaxe, con frecuencia o protector do trobador.

Os poemas trobadorescos, que ían acompañados de anotacións musicais para o canto nas pequenas cortes feudais dos nobres, conserváronse grazas á transcrición realizada nos cancioneiros durante os séculos xiii, xiv e xv. Trátase sempre dunha poesía de elaborada factura. En total, calcúlase que o corpus trobadoresco está composto por unhas 2.500 poesías, algunhas de autor anónimo e as demais repartidas entre uns 350 poetas coñecidos.

Trobadores famosos son Bernart de Ventadorn, Marcabrú e Arnaut Daniel.

 

1.2.2)        O DOLCE STIL NUOVO:

Coñécese con este nome (tomado do canto XXIV do «Purgatorio», de Dante) unha lírica de tipo amoroso desenvolvida en Italia no século XIII.

Dante emprega o termo dolce para referirse a unha forma e un léxico baseados na musicalidade, a suavidade, a eufonía. Co vocábulo nuovo destácase a idea dun cambio estilístico e temático. Desde un punto de vista formal, os metros máis usados por esta escola poética foron o soneto, a canción e a balada, compostos en hendecasílabos e heptasílabos.

Segundo o dolce stil nuovo, a poesía ha de ser sincera, e os seus temas principais, o amor e a natureza:

-          O amor é concibido de forma metafísica: a beleza e a dama son ideais que contribúen a levar o amante cara a Deus e a felicidade da alma. A muller, como os anxos, participa da natureza celestial, polo que debe ser obxecto dun amor purísimo. De aquí xurdirá o tópico da donna angelicata, xa que a dama é unha especie de mensaxeira do ceo.

-          A natureza, pola súa banda, preséntase case sempre idealizada e primaveral.


Os poetas máis destacados do dolce stil nuovo son: Dante Alghieri, Guido Guinizzelli e Guido Cavalcanti.




 DANTE ALIGHIERI

Durante (Dante) Alighieri naceu en Florencia en 1265 e morreu en Rávena en 1321. Interveu nas loitas políticas da súa cidade, aliñándose co partido dos güelfos brancos. En 1301, ao triunfar o partido dos güelfos negros, viuse obrigado a abandonar Florencia, polo que viviu exiliado en diversas cidades italianas e baixo o amparo de diferentes nobres os últimos anos da súa vida.

Dante escribiu en latín varios tratados: De vulgari eloquentia, defensa da lingua toscana como instrumento literario, e De monarchia, sobre temas políticos.

En italiano escribiu Vita nuova (Vida nova), colección de sonetos e cancións dedicados integramente a Beatrice (Beatriz), a quen coñeceu en 1274 e que se converteu en ideal espiritual e amoroso da súa poesía, escrita baixo a influencia do dolce stil nuovo. Beatriz morreu en 1290, e a súa morte sumió a Dante nunha crise relixiosa que intentou superar dedicándose aos estudios. Outras obras líricas en italiano son Canzoniere e Convivio.

A súa obra máis importante é a Divina comedia e titulouna simplemente Comedia, seguindo o sentido clásico do termo, por iniciarse cos horrores do inferno e rematar felizmente no paraíso; pero, a partir do século XVI engadíuselle o adxectivo divina, tanto pola relixiosa grandiosidade do tema coma pola súa beleza literaria. Foi escrita entre 1306 e 1320, en tercetos -estrofa inventada por Dante-, e  o seu tema central é o destino das almas despois da morte. Consta de tres partes: «Inferno», «Purgatorio» e «Paraíso». Cada unha destas tres partes está composta de 33 cantos e conta cunha introdución.

Na primeira parte da Divina Comedia, Dante percorre os nove círculos concéntricos do inferno guiado por Virxilio, que lle vai mostrando os horrores que alí sofren os condenados, personaxes mitolóxicos ou ben contemporáneos do mesmo poeta, a maioría inimigos seus

Na segunda parte, tamén guiado por Virxilio, percorre as nove bancadas concéntricas do purgatorio.

 Na terceira parte , guiado por Beatriz, percorre as nove esferas celestiais do paraíso.


A Divina comedia é unha obra magna coa que Dante logrou un fito que abriría novas vías á expresión poética do pensamento humano. Entre os seus valores formais merecen destacarse os seguintes:

  • Afianza o uso do hendecasílabo, que será para sempre o verso por excelencia da poesía culta.
  • Crea a distribución dos versos en tercetos encadeados, os cales permiten composicións de longo alento, solemnes e áxiles á vez.
  • Usa unha lingua literaria chea de viveza e expresividade, na que inclúe tanto os vocábulos máis refinados do clasicismo de raíz latina como os termos do rexistro popular da variante toscana do italiano.


A obra é en conxunto un poema alegórico que resume perfectamente os anhelos da vida de Dante e da súa época, cunha singular fusión de cristianismo e clasicismo.





No hay comentarios:

Publicar un comentario