1. A prosa erudita humanística
1. 1. ERASMO DE ROTTERDAM:
Durante o Renacemento desenvólvese unha prosa erudita na que se
expoñen os novos ideais forxados polo humanismo. O principal representante é Erasmo de Rotterdam (1466-1536).
Constituíu durante un cuarto de século o máis importante referente
intelectual. A súa vida estará envolta
nas polémicas e convulsións que sacudían á Europa do seu tempo. A pesar dos
seus ataques a Roma e ás faltas de relixiosidade, non quixo romper coa Igrexa e
estará en desacordo con algúns puntos básicos da doutrina luterana, sobre todo
con respecto ao libre albedrío. A tarefa intelectual de Erasmo foi grandiosa:
editou textos clásicos e cristiáns; foi tradutor e comentarista, e como
redactor de gramáticas e manuais para a aprendizaxe do latín. Da súa inxente
obra destacaremos polo seu influxo na época e valor literario:
-Eloxio da loucura:
Preséntase
como unha “declamatio” posta en boca da Loucura –autoeloxio- onde fai un
panexírico do seu poder e da utilidade para a marcha do mundo, considerado este
como o teatro da loucura. Erasmo combina a tradición medieval da barca dos
tolos cos discurso paródicos de Luciano e vai pasando revista aos efectos
beneficiosos da insensatez para a boa marcha do mundo.Eloxio da loucura é unha burla dos falsos valores sociais e
relixiosos, das ridiculeces dos falsos sabios e dos hipócritas relixiosos.
Remata cunha exaltación da loucura do cristianismo seguindo o modelo de San
Pablo.
-Enchiridion (Manual del cabaleiro cristián):
Propón o ideal de retorno ás escrituras manténdose lonxe de adherencias
supersticiosas (reliquias, peregrinacións, cerimonias, culto externo oracións
formularias…). Propugna sobre todo a
relixiosidade interior, a oración mental
e a procura do mesmo Cristo.
1.2. MAQUIAVELO:
Maquiavelo (1469-1527). Ocupou cargos
políticos e diplomáticos na república de Florencia ata a caída dos
Médicis. A súa obra máis popular é O Príncipe, obra que popularizou o
adxectivo maquiavélico para indicar condutas sinistras, astutas e traizoeiras e deu del unha falsa imaxe. Non obstante, a obra é unha
lúcida reflexión, a través da súa experiencia política e dos exemplos tomados da historia do seu
tempo, sobre a eficacia do poder
autoritario e unha defensa da razón do estado.
A obra consta de vinte e seis capítulos nos
cales o autor expresa a súa ambición de construír un Estado forte rexido por un
soberano cunha suma de poder absoluto, como noutros Estados europeos da época,
para lograr a ansiada unificación e o fortalecemento das institucións. Seguro
das limitacións intelectuais e políticas do pobo, entende que o gobernante
necesita ser un mestre da manipulación e a sedución, elementos que debe
utilizar para manexar a vontade, preferencias e opinións do pobo, e así
asegurarse a súa adhesión. A pesar dos seus detractores, Maquiavelo asocia este
fin ao ben común e o fin do poder non sería o fin en si mesmo senón que unha
vez logrado e establecido, o Estado debe ofrecer leis xustas ao pobo, e este
asumir a defensa e seguridade da nación. A súa revolucionaria concepción dun
Estado separado da relixión creoulle a inimizade da Igrexa católica que se
manifestou basicamente na declaración de obra impía e libro maldito que recibiu
O Príncipe, o que implicou a súa
prohibición
1.3. THOMAS MORE ou TOMÁS MORO:
Thomas More ou Tomás Moro (1478-1535) é considerado o máximo representante do
humanismo británico. A súa obra máis coñecida é Utopía. Esta obra con aparencia de novela, na que se nos describe o
estado ideal dunha illa imaxinaria (u-topia=non-lugar) na liña das descricións
de Platón (en As Leis ou A
República), pertencen máis ao pensamento político que á literatura. Nas
propostas deste estado ideal, xunto ás que podemos considerar progresistas como
a abolición da propiedade privada, a universalidade do traballo (6 horas
laborais) ou a licitude da eutanasia, hai outras reprobables como a existencia
de escravos. Moro propón o descrédito da riqueza e exalta unha relixión natural
e unha tolerancia de clara filiación erasmista.
1.4. CASTIGLIONE:
O mantuano Baltasar de Castiglione é, xunto
con Maquiavelo, un dos autores máis decisivos na formación do ideal de home
renacentista. Formouse humanisticamente en Milán, onde iniciou a súa carreira
diplomática. O papa Clemente VII enviouno como nuncio apostólico á corte
española de Carlos V, para que mediase nos litixios entre o papado e o
emperador. Cando as tropas imperiais saquearon Roma en 1527, Castiglione foi
acusado de non conseguir evitar o desastre. Este revés minou a súa saúde, e
morreu en Toledo.
Aínda que escribiu algunhas obras poéticas,
a súa influencia e a súa fama débense a O
cortesán, tratado de bos costumes no que traza o retrato do perfecto
cabaleiro da corte. Este debe cultivarse nos exercicios nobres -manexo da
espada, caza...-, pero tamén noutras actividades distinguidas como a música, a
danza ou a composición literaria. Debe, ademais, observar un comportamento
adecuado cos demais membros da corte, especialmente co seu soberano. Nun
interesante apartado do libro, Castiglione ocúpase da educación das mulleres. No
estilo do cortesán destaca a sinxeleza da súa prosa, acorde co principio
renacentista de fuxir da afectación.
2. A novela
- FRANÇOIS DE RABELAIS-
Na novela destaca François de Rabelais. A súa personalidade e obra figuran
certamente entre as máis curiosas e apaixonantes da súa época, síntese de
vellas tradicións medievais e proxección cara ao futuro, cunha sólida base nos
ensinos de Erasmo. Rabelais naceu cara a 1485, na rexión de Turena. Tras ser
monxe en distintas ordes relixiosas, dedicouse á medicina, sendo un dos
primeiros en practicar a disección de cadáveres, segundo o exemplo de Leonardo
da Vinci. Rabelais flutuou entre a fidelidade á Igrexa e as novas ideas
calvinistas. El tamén gozou da protección de Margarita de Navarra e morreu en
1553.
A súa obra componse dos cinco
libros que escribiu ao longo de moitos anos acerca dos avatares do xigante
Pantagruel e o seu pai Gargantúa nos dous primeiros libros, xunto cos dun
terceiro personaxe nos libros postremeiros chamado Panurgo.
Gargantúa e Pantagruel é unha
xigantesca sátira da vida e costumes sociais, culturais, relixiosas e
educativas dunha sociedade envellecida nas súas fórmulas aínda escolásticas.
Nos dous primeiros libros, os máis coñecidos, sen dúbida,nárrasenos
paralelamente o nacemento, infancia, educación e fazañas de ambos os
personaxes, conferindo á obra un carácter grotesco cheo de situacións festivas
e inverosímiles, dada a súa condición de xigantes, a súa alimentación, o seu
vestido, o seu aloxamento, etcétera.Logo dunha guerra que estas pacíficos e
vitais criaturas sosteñen co malvado Picrocole, Rabelais descríbenos, nun dos
seus máis belas pasaxes, a instauración dunha sociedade de homes selectos: a
abadía de Theléme, na cal rexe o principio de «obra como queiras», e un ideal
de vida con sacra á procura da felicidade. Gargantúa é unha obra que malgasta
imaxinación, vitalidade, sátira corrosiva e humor carnavalesco, mestura de epopea burlesca e novela alegórica; pero é
non menos, e sobre todo, un experimento sobre os límites e posibilidades da
linguaxe semellante a outros de tanta importancia como o TristhanSamdy de
Sterne, na Inglaterra do século XVIII, ou o Ulysses de Joyce, xa no noso
século.
O terceiro e
cuarto libro nárrannos as inquietudes intelectuais de Panurgo, que o levan a
emprender unha viaxe a terras remotas en busca do saber. Ao final do quinto
libro o heroe obtén un oráculo da deusa botella: Trink, é dicir: Bebe.
Rabelais
mestura latinismos, neoloxismos, parodia da linguaxe médica ou escolástica,
inventando palabras ou parágrafos.
3. O ensaio:
- MONTAIGNE-
No ensiao destaca Michel Montaigne. O ciclo do humanismo atopa
nos Ensaios “Essais” de Montaigne a súa culminación e o seu termo. Montaigne
naceu en 1533 nunha familia de comerciantes recentemente ennobrecidos. Logo de
estudar dereito desempeñou tamén tarefas públicas. Viaxa á corte sen manifestar
interese por lá política, ata que en 1570 se retira definitivamente á súa torre, dedicándose o
estudo e á composición dos seus Ensaios,
a primeira edición dos cales apareceu en 1580. Morreu en 1592.
O estoicismo e o escepticismo
antigos están na base da obra de Montaigne, unidos a unha curiosidade
universal, a unha enorme capacidade de introspección e a un profundo
coñecemento dos homes; Montaigne odia o dogmatismo e o fanatismo, e abandona as
doutrinas para recluírse nunha opción vital e intelectual de índole persoal.
Os seus Ensaios son un autorretrato espiritual: "Quero que nel me vexan cos meus xeitos sinxelos, naturais e ordinarias,
sen disimulo nin artificio, pois píntanme a min mesmo”. Montaigne escribe
para coñecerse, el mesmo é o tema principal da súa obra: analízase, obsérvase e
descríbese para «gozar finalmente do seu ser».Trátase de chegar a ser o que
verdadeiramente se é, dando curso ao propio eu e deste xeito, «compracerse cun
mesmo.» A experiencia fíxolle remiso ao cambio: “desgústame a novidade, calquera que sexa a aparencia que presente; e
teño motivos, pois vin consecuencias moi prexudiciais”. Pero sempre busca a
súa liberdade e a súa independencia, tanto vital como de opinión. Montaigne
desconfía da civilización e da moral: a súa ética baséase na autenticidade e a
natureza; a súa exaltación dos indios americanos colócanlle nunha posición
claramente precursora do Romanticismo; pero Montaigne, ao contrario que
Rousseau, retírase pero non se illa.
Publicados
en tres diferentes entregas, os ensaios tratan dos temas máis variados: «Da
constancia», «Da diversión», «Da vaidade», «Da ociosidade», «Dos
prognósticos»,«Da experiencia», «Dos homes máis excelsos»..., aínda que en cada
un deles o discurso poida ir flutuando dun tema a outro, mesturando anécdotas e
experiencias persoais con bo número de citas de autores latinos. Tamén a súa
extensión é moi variable, desde uns poucos parágrafos á moi extensa «Apoloxía
de Raimundo Sebund».
En suma, a
obra de Montaigne é unha das máis actuais, persoais e agudas de todo o seu
tempo, e ofrécenos o retrato dun tempo e dun alma como ningunha outra obra da
súa época nos legou.
No hay comentarios:
Publicar un comentario