1. Literatura e cine
O cine débese entender en orixe como unha invención que espertou moito
interese e, por isto, pasou rapidamente a converterse en atracción de feira, despois en
espectáculo e hoxe en arte (a chamada sétima arte). Na actualidade, este invento
social e culturalmente constitúe unha parte importante nas nosas vidas –como o propio
fenómeno literario– aínda que, de entrada, pareza un mero elemento de entretemento.
En orixe, o que hoxe consideramos un dos grandes inventos do
século pasado, o cine (abreviatura de cinematografía), redúcese ao
invento dun aparello denominado cinematógrafo, creado polos
irmáns Lumière, ambos traballadores no taller fotográfico de seu pai.
De maneira sinxela, podemos definilo como un aparello capaz de
tratar imaxes en movemento a base de expoñer continuamente
fotogramas ante un obxectivo. Realmente, é un tipo de cámara de
fotos que toma unha secuencia de fotografías fixadas en rápida
sucesión sobre unha película. Unha vez revelada a película, pode
ser proxectada reproducindo o movemento orixinal, ao que se lle
asocia o son. O resultado é un filme.
Hoxe utilízase a tecnoloxía dixital, que grava utilizando
representacións dixitais do brillo e da cor de cada píxel da imaxe, no
canto de quedar fixada quimicamente nunha película de celuloide
(nitrato de celulosa).
Dalgunha maneira, o cine e a literatura teñen un obxectivo común, contar
historias, e un dos seus elementos básicos é o mesmo, a palabra. Se o lembramos,
saberemos que a linguaxe cinematográfica se desenvolveu ante o reto de narrar con
claridade unha historia nun tempo determinado, sintetizando nun espazo concreto de
proxección (ao redor dunha hora) centos de páxinas que constitúen un guión.
Desde as súas orixes, o cine botou man da literatura para inspirarse en canto a
temas, formas, técnicas, xéneros, etc. Coa incorporación do son ao cine, foi a propia
literatura a que lle cedeu a palabra ao texto fílmico de maneira que a relación entre
ambas as dúas formas artísticas e expresivas foi aínda maior, descontando as
características particulares de cada medio.
Hoxe, do mesmo modo que a principios do século XX, hai quen considera que
o cine é un modo de expresión tan novo que, necesariamente, debe ser diferente da
literatura, xa que utiliza unha linguaxe diferente, proporciona terminoloxía nova e
outórgalle un enfoque distinto á arte. Pola contra, outros (cada vez menos) consideran
que o cine é un produto da literatura, unha nova expresión desta.
En calquera dos casos, cine e literatura hoxe están intimamente relacionados,
como veremos no apartado seguinte: o cine recibiu da literatura relatos, argumentos,
formas e estilos; a literatura, neste último século, vai recibindo do cine diferentes
técnicas relacionadas coa perspectiva (puntos de vista), a narración, o uso do tempo e
o espazo, etc. Leamos o seguinte fragmento, que describe o vínculo que se produce
entre as dúas artes:
De acordo cunha definición xa clásica, toda novela é un espello que, paseándose por
un camiño, reflícteo todo. Desde hai cen anos, ese espello literario coincide co espello
en que se constituíu tamén o cinematógrafo. Ningún dos dous poderían ignorarse, por
máis que o quixesen, así que inevitablemente terminaron por reflectirse mutuamente,
prestándose, roubándose e multiplicándose entre si as imaxes e as ideas reproducidas
por un e outro. A estas alturas, entón, resulta que hai moitos deses reflexos que foron e
viñeron sucesivamente entre un espello e outro, ao punto de non poder discernir en cal
deles empezou, e convertidos en imaxes-ideas que evolucionaron ou mudaron por
completo, debido a este singular paso dun lado ao outro.
(O. Osorio, De como o cine se converteu en pai dos escritores)
A través dos anos, fomos testemuñas de múltiples filmes que, baseados en
grandes obras da literatura, fixeron evidente a difícil tarefa de representar en pantalla
as diversas imaxes e recursos literarios. Isto, sen dúbida, resultou en tantos acertos
como decepcións dada a distinta natureza dos códigos empregados (escrita fronte
imaxes e son). Aínda así, resulta primordial recoñecer que, se ben son dous medios
distintos, non son incompatibles (máis ben son complementarios): ao fin e ao cabo, os
dous soportes permiten contar historias e calan fondamente no público.
Non cabe dúbida de que hoxe en día existen moitos medios a través dos cales
se pode obter coñecemento e aprendizaxe, e mesmo encher os momentos de lecer
(internet, radio, televisión, literatura, etc.), cando en tempos pasados só se contaba
cun libro ou cos contos que lles narraban os avós aos netos. Esta ampla diversidade
pode provocar unha tendencia desfavorable para os medios literarios en tanto que se
observa un predominio dos medios audiovisuais nas horas de lecer sobre os primeiros.
Debemos pensar que todos os medios de lecer e aprendizaxe deben saber
complementarse posto que o acceso a todos eles por igual é cada día máis necesario
para o noso desenvolvemento cultural.
1.1. Adaptacións das grandes obras ao cine
Desde o nacemento do cine, como dixemos, é constante o trasfego de
información e técnicas entre as dúas artes. En moitas ocasións, realízase a adaptación
de obras literarias para convertelas en filmes; noutras ocasións, faise un guión –que
non deixa de ser unha obra literaria– exclusivamente para o cine; e aínda, ás veces
(as menos), tralo filme, escríbese a obra literaria. Hai filmes que reproducen unha
época histórica literaria determinada, ou a vida dun literato, ou o relato de cómo se fixo
unha novela..., o cine é rico en imaxinación e calquera idea pode converterse –con
maior ou menor fortuna– en imaxes e son.
Cada vez que se produce unha adaptación dun texto literario a un texto fílmico,
reábrese constantemente unha polémica: a capacidade de as imaxes e o son (do
filme) de poderen recoller a esencia do texto literario (do libro). En moitas ocasións, de
certo, adóitase rexeitar un filme lamentando que a complexidade do texto literario
estea desprezada pola superficialidade das imaxes. Sobre esta cuestión, debemos
pensar que nós, ante a lectura dunha novela, por exemplo, producimos mentalmente e
con carácter puramente persoal (en función das nosas experiencias, coñecementos,
etc.) o contorno en que se desenvolven os feitos (espazos, ambientes, etc.), pómoslle
cara aos personaxes, etc. Estas expectativas que creamos pódense ver truncadas
cando, despois, vemos o filme (debemos ter en conta, tamén, que o filme é o resultado
da interpretación puramente persoal do director, e que se ve condicionada polo
orzamento de que se dispoña para a realización da mesma, dos adiantos técnicos
dispoñibles, da pericia dos actores, etc.).
Á marxe destas e doutras consideracións que se poden establecer sobre esta
cuestión, referiremos a continuación un conxunto de obras cinematográficas
adaptadas a partir de obras literarias. Antes, debemos mencionar que desde as orixes
do cine, como comentamos, existen obras que, en maior ou menor medida, son
memorables por realizaren primitivas adaptacións de textos ou fragmentos literarios,
como é o caso do filme The Kiss (1896), de Raff e Gommon, ou a serie Fantomas
(1911), de Louis Feuillade, que adaptou personaxes, escenas e temas propios do
melodrama e do folletín.
O mago de Oz (1939), Dir. Victor Fleming. EE.UU. Un dos clásicos do cine musical
americano, considerada obra de culto, baseada na obra O marabilloso mago de Oz, de
L. Frank Baum.
Un tranvía chamado desexo (1951), Dir. Elia Kazan. EE.UU. Baseada na obra teatral
de Tennesse Wiliams, da que tamén podemos atopar moitas outras adaptacións
cinematográficas.
20.000 leguas de viaxe submarino (1954), Dir. Richard Fleischer. EE.UU. Adaptación
dunha das famosas novelas de Julio Verne, das que podemos atopar moitas outros
filmes.
O camiño (1964), Dir. Ana Mariscal. España. Baseada na novela de Miguel Delibes,
Cóntanos a vida cotiá duns rapaces no mundo rural.
O señor dos aneis (1978), Dir. Ralph Bakshi. EE.UU. Adaptación en debuxos
animados da primeira parte da obra de Tolkien.
Rebeldes (1982), Dir. Francis Ford Coppola. EE.UU. Baseada no libro de S. E. Hinton,
o seu título orixinal The Outsiders responde fielmente ao seu contido, a historia dos
que están ao outro lado.
1984 (1984), Dir. Michael Radford. Gran Bretaña. Baseada na novela de G. Orwell,
escrita en 1.948.
O bico da muller araña (1985), Dir. Héctor Babenco. EE.UU.-Brasil. Filme que adapta
a novela homónima de Manuel Puig.
Divinas palabras (1987), Dir. José Luis García Sánchez. España. Adaptación da obra
de Valle-Inclán.
El bosque animado (1987), Dir. José Luis Cuerda. España. Adaptación da novela do
escritor galego Wenceslao Fernández Flores.
A casa de Bernarda Alba (1987), Dir. Mario Camus. España. Versión cinematográfica
da obra de Lorca.
Dublineses (1987), Dir. John Huston. EE.UU. Adaptación cinematográfica dun relato
de James Joyce.
O túnel (1987), Dir. Antonio Orove. España. Versión, case literal, para o cine, da
novela de Ernesto Sábato.
Crónica dunha morte anunciada (1987), Dir. Francesco Rosi. Francia-Italia-Colombia.
Adaptación de a novela do mesmo nome do Nobel García Márquez.
Danny, campeón do mundo (1989), Dir. Gavin Miller. Gran Bretaña. Baseada nunha
obra de Roald Dahl, conta a aventura dun pai e un fillo que enganan a un rico cazador.
Cyrano de Bergerac (1990), Dir. Jean Paul Rappeneau. Francia. Versión
cinematográfica da figura creada polo dramaturgo Edmond Rostand.
O ceo protector (1990), Dir. Bernardo Bertolucci. Gran Bretaña-Italia Adaptación da
novela autobiográfica de Paul Bowles.
Hamlet, o honor da vinganza (1990), Dir. Franco Zeffirelli. EE.UU. Unha das últimas
adaptacións de Shakespeare para o cine.
Beltenebros (1991), Dir. Pilar Miró. España-Holanda. A novela de A. Muñoz Molina,
levada ao cine por Pilar Miró.
Madame Bovary (1991), Dir. Claude Chabrol. Francia. Adaptación de a mítica novela
de Flaubert.
Colmillo branco (1991), Dir. Randal Kleiser. EE.UU. Baseada no libro de Jack London,
amósanos a amizade entre un mozo e un lobicán.
O último mohicano (1992), Dir. Michael Mann. EE.UU. O clásico de aventuras de J.
Fenimore Cooper, na súa última versión para o cine.
O lado escuro do corazón (1992), Dir. Eliseo Subiela. Arxentina. Recreación fílmica
dos poemas de Mario Benedetti, Juan Gelman e Oliverio Girondo.
O mestre de esgrima (1992), Dir. Pedro Olea. España. Baseada na novela de intriga
histórica, de Arturo Pérez-Reverte.
A casa dos espíritos (1993), Dir. Bille August. EE.UU. Adaptación cinematográfica da
obra de Isabel Allende sobre as turbulentas relacións dunha familia chilena ao longo
de tres xeracións.
Tirano Bandeiras (1994), Dir. José Luis García Sánchez. España-Cuba-Italia-PortugalMéxico.
Outra obra de Valle-Inclán levada ao cine por J.L. García Sánchez.
Mulleriñas (1994), Dir. Gillian Armstrong, EEUU. Unha nova versión do clásico de
Louisa May Ascott.
O can do hortelán (1995), Dir. Pilar Miró, España. Versión da comedia en verso de
Lope de Vega.
Os Miserables (1998), Dir. Bille August, EE.UU. Adaptación do drama romántico de
Víctor Hugo, ambientado na Francia revolucionaria do século XIX.
O avó (1998), Dir. José Luis Garci, España. Baseada na obra de Benito Pérez Galdós,
sobre un indiano arruinado, obstinado en descubrir cal das súas dúas netas é
bastarda.
Yerma (1998), Dir. Pilar Távora, España. Adaptación da obra de Lorca sobre a
traxedia dunha muller estéril.
1.2. Literatura e cine. Estudo e comparación
Como dixemos, desde os seus comezos, o cine foi totalmente dependente do
fenómeno literario. A literatura comezou a fornecer de material de grandioso valor co
que se crearon moitos guións cinematográficos a través dun proceso de
transformación, de adaptación, para que os contidos presentados no texto literario
(material escrito) cobrasen vida no texto fílmico (material audiovisual). Esta conversión
fai necesaria unha transformación dos contidos semánticos, das categorías temporais,
das estancias enunciativas e dos procesos estilísticos que configuran os textos. O
adaptador, pois, debe transformar e reducir, o que non significa mutilar nin moito
menos depreciar a calidade dunha obra literaria para convertela en filme.
Desde un primeiro momento, defendeuse o respecto e a fidelidade á letra, ao
texto orixinal, aínda que non todos os escritores foron partidarios desas adaptacións.
Algúns toleráronas porque consideraban que se trataba dunha ferramenta útil para
achegar a cultura ao pobo. Aínda que a polémica segue en pé na actualidade, o
importante é que xa non existe practicamente a clásica dependencia ente as dúas
artes, entre outras cousas porque o cine tamén lle prestou e aínda lle presta tan bos
servizos á literatura como esta o fixera antes. Proba disto son as magníficas
adaptacións de novelas que seguen a realizarse no cine e que ofrecen un dobre
servizo: por unha parte, facilítanlle o coñecemento da obra ao lector sen ter que ler o
libro, algo que pode estimular a posterior lectura; por outra, o propio lector da novela
confronta a súa lectura ou interpretación coa do director do filme ou sente o desexo de
vela.
Pero tamén se deron e danse na actualidade estudos sobre as interferencias
entre ambas as artes. Xa na década de 1930 se levantaron algunhas voces en contra
da orientación literaria do cine, mesmo se considerou pexorativo o concepto de cine
literario. E tamén se deu unha certa desconfianza dos escritores respecto do cine,
porque consideraron que este se estaba a apropiar de parcelas propias da literatura.
De aí que se propugnase un estilo cinematográfico fronte ao estilo literario, o que
levou ao cine a converterse nun competidor da literatura. De feito, os vangardistas
celebraron con entusiasmo a aparición do cine e a súa relativa independencia da
literatura, pois, segundo eles, aquel dicía as mesmas cousas que eles querían dicir e
respondía ás demandas dunha arte nova. O temor que algúns escritores tiveron de
que o cine fose un competidor das súas obras esvaeceuse pronto ao comprobar que
este medio era unha fonte importante de propaganda das súas propias obras. E cando
apareceu o cine sonoro a competencia desapareceu practicamente, porque tamén a
palabra teatral pasaba ao cine e este difundía obras literarias.
Así, pois, as actitudes dos escritores diante do feito cinematográfico foron moi
diverxentes, desde o que lle nega a súa razón de ser, ao que, entusiasmado con el,
estudou a súa semioloxía e incorporou na súa obra literaria moitas das técnicas do
cine. Tamén é certo que este achegamento ao cine variou duns países a outros: foi
moito máis importante en Francia, Italia e Estados Unidos, ca en España. A chamada
xeración perdida sufriu unha auténtica fascinación para, despois, pasar a un
rexeitamento frontal polo cine, aducindo que a súa dedicación a el ía en detrimento da
seriedade da súa obra escrita. Con todo, ningún dos seus membros desprezou os
beneficios que a industria cinematográfica lle proporcionaría.
As colaboracións entre directores e escritores foron moi frecuentes, como é o
caso de Jacques Prévert, o poeta autor de Paroles, ou o do escritor James Agee e o
cineasta John Huston.
Na década de 1960, o achegamento entre escritores e cineastas foi
enormemente frutífero, pois en virtude da súa coincidencia ideolóxica ou estética, ou
de ambas as dúas, xuntaron forzas para innovar tanto o cine como a literatura.
Posiblemente, a crítica e a historia literaria sexan as dúas ramas do saber que
menos atención lle prestaron ao cine, se ben desde os formalistas rusos ata os nosos
días (Roland Barthes, Umberto Eco, Terenci Moix...) atopamos traballos que mostran
un inusitado interese por destruír a imaxe tópica da oposición entre cine e literatura.
O cine e a literatura sempre estableceron boas e recíprocas relacións. Esta
vinculación tivo e ten distintas formas de expresarse. En ocasións, a literatura
converteuse en cine a partir da adaptación fílmica de obras literarias, nas que o
argumento se transformou nun guión cinematográfico, con maior ou menor fortuna. e
viceversa... o éxito dun filme, ás veces, provocou a edición literaria da historia na que
se basea ou do guión da mesma. Noutros filmes, a literatura converteuse en
protagonista ao amosarnos as vivencias dun escritor ou escritora, sexa real ou ficticio.
Podemos aproveitar estas relacións entre literatura e cine mostrando unha
determinada historia contada en dous soportes distintos, evitando por suposto unha
comparación gratuíta que nos faga sobrepoñer como mellor ou peor unha das dúas
artes comentadas, e sinalando en cambio as vantaxes e goces que proporciona cada
unha delas.
Consideramos un erro facer competir un libro cun filme pois, como vimos, son
dúas obras de arte diferentes, dúas linguaxes distintas, aínda que poidan estar
inspiradas entre si, como puideran estalo en moitas outras cousas: a vida, os
sentimentos, a historia, etc..., e aínda que, por suposto, o valor artístico e a calidade
de cada unha poida ser mellor ou peor, sempre dentro dos seus propios parámetros.
Diferenzas, similitudes e dependencias entre cine e literatura
O estudo e a comparación dos produtos literarios cos produtos fílmicos é un
amplo campo de estudo aínda non cuberto por completo coa precisión e o método
rigoroso dunha disciplina científica. Non existe aínda un procedemento de análise
aceptado e, aínda peor, en moitas ocasións non se sabe nin sequera a quen compete
exactamente tal labor. Entre tanto, vanse presentando diversas propostas, acádanse
certos obxectivos e vaise perfilando un método que, en moitas facultades, se presenta
baixo a etiqueta de Literatura comparada (entre literatura e cine).
O que semella claro é que o cine tivo como referente primeiro a literatura pero,
hoxe, co tempo, adquiriu unha propia linguaxe. Trataremos, nas seguintes liñas, de
ofrecer unha breves pinceladas sobre as diferenzas, similitudes e dependencias que
se producen entre as dúas artes.
De entrada, o que semella máis obvio: a linguaxe da literatura baséase na
escrita, mentres que a do cine se basea nas imaxes e no son.
Quizais por iso, a linguaxe cinematográfica ten unha capacidade de síntese
excepcional, que non posúe a literatura, pois un filme pode presentar nunha soa
secuencia o que unha novela normalmente describiría ou narraría en páxinas enteiras.
A literatura, como outras artes (a pintura, a escultura), non ten capacidade para
expresar movemento; simplemente significan as accións, os xestos, os movementos,
representándoos a través dalgún recurso. O cine, en cambio, si presenta a capacidade
de expresar movemento, porque o mostra dunha maneira evidente.
O cine móvese nunha soa dimensión, a temporal. No cine absolutamente todo
está presente, mesmo os flashbacks, pois aquilo que se nos mostra neles faise
sempre tamén en presente, sen outra posibilidade. O que vemos en cada plano
ofrécese, inevitablemente, no mesmo tempo en que se enuncia (aínda que se trate de
significar un momento pasado, este móstrase en presente). A literatura, en cambio,
explota os matices psicolóxicos que posúe a linguaxe a través dos modos e tempos
verbais.
Quizais por isto, a literatura sempre tivo maiores recursos para recrear os
mundos interiores, para presentar grandes reflexións, mentres que o cine se
caracterizou por presentar accións e anécdotas. Tempo despois, coa chegada do cine
sonoro, perfiláronse algúns recursos en autores excepcionais que acadaron grandes
resultados que demostraron que o cine pode presentar discusións sobre as
preocupacións máis profundas, con autores como Ingmar Bergman o Michelangelo
Antonioni.
Unha similitude obvia, á parte daquel conxunto de préstamos que se
estableceron desde as orixes entre as dúas artes (xéneros, formas, temas, puntos de
vista, etc.), é a que ten que ver coa orde do discurso e a temporalidade. Na literatura,
de feito, a secuencia de palabras pode semellar a secuencia de planos no cine; e a
orde no discurso literario pode identificarse co encadeamento de planos no cine.
file:///C:/DOCUME~1/ADMINI~1/CONFIG~1/Temp/Rar$EX02.859/unidade12/apuntes.html
No hay comentarios:
Publicar un comentario