CIUG

Busca en Internet

.

miércoles, 30 de septiembre de 2015

A LITERATURA LATINA : BREVE PANORAMA DA LITERATURA LATINA

   1)    INTRODUCCIÓN:

A literatura latina naceu baixo o influxo da literatura grega. Foi, en boa medida, unha literatura de imitación: imita a epopea, o teatro, a oratoria.

Na ÉPICA destaca a Eneida, de Virxilio, onde se relatan as fazañas do pobo romano. Na LÍRICA sobresaen os poetas Virxilio (Bucólicas, Geórgicas), Horacio (Épodos, Sátiras, Odas e Epístolas) e Ovidio (As metamorfosis, Os Fasti, Arte de amar, Amores, Remedios do amor, Heroidas, Tristes e Epístolas). No TEATRO latino temos a Plauto ( Anfitrión, La olla, El militar fanfarrón) e a Terencio (Los adelfos). Ademáis, na literatura latina destaca a oratoria e a historia.

Tamén cultivaron outros xéneros como a oratoria ou a historia. En relación á ORATORIA, Marcos Tulio Cicerón foi o gran orador romano, e sobresaiu en dous tipos de discursos: as Catalinarias (para desenmascarar a conxuración de Catilina) e as Filípicas (contra Marco Antonio). En relación á HISTORIA, temos que dicir que como consecuencia de que o carácter latino era moito máis práctico que o grego, máis pegado á realidade, os autores latinos cultivaron con máis frecuencia xéneros como o de a historia, a quen adicaron a súa creación moitos latinos: Xulio César (Comentarios da guerra das Galias, Comentarios da guerra civil), Salustio ( A conxuración de Catilina, A guerra de Yugurta), Tito Livio ( Ab urbe condita ,historia de Roma dende a súa fundación) ou Tácito (As Historias, Os Anais, Vida de Agrícola).



2)    A ÉPICA LATINA:

A Eneida, de VIRXILIO,  é a epopea (poema extenso que canta as fazañas de heroes)  do  pobo romano.  Virxilio enlaza ós romanos co heroico pobo troiano e fai ó emperador de Roma herdeiro da deusa Venus e de Eneas.  O heroe troiano Eneas conta a súa viaxe desde Troia ata o Lacio ante a súa anfitrioa e amada Dido, raíña de Cartago, á que máis tarde abandona. O argumento baséase na viaxe do heroe troiano Eneas desde que sae da Troia incendiada ata que chega a Roma. A obra está dividida en doce cantos; os seis primeiros imitan a Odisea e contan as viaxes de Eneas ata chegar ás costas de Italia; e os seis restantes imitan á Ilíada e narran as loitas de Eneas e os seus contra os pobos latinos, ós que derrotan. En canto á súa importancia, a Eneida foi unha obra lida e admirada en toda a historia. O longo poema está impregnado dun sentido moral e relixioso, patriótico e poético, que o converte nun documento perenne cuios símbolos, temas e tópicos traspasaron o espazo e o tempo e fixeron del un clásico universal.

 

3)    A LÍRICA LATINA:
 

3.1.VIRXILIO:
Foi o mellor representante da épica latina ( a Eneida), pero tamén da lírica. Naceu en Mantua, tivo unha sólida instrución e entrou en círculos culturais de Roma. Foi protexido de Mecenas e do emperador Octavio. Ten dous tipos de obras lírica ou poéticas: as Bucólicas e  as Xeórxicas.

-As Bucólicas son dez églogas que cantan a vida sinxela do campo nun ambiente idílico, pastoril. En realidade, é unha ficción literaria, pois os seus personaxes son as persoas do grupo cultural no que se move o autor, que adoptan o nome e as características dos pastores, pero conservan a linguaxe, a sensibilidade e o gusto das persoas refinadas da cidade,

- Geórgicas é unha obra que canta a vida do campo e anima a realizar os seus diferentes labores.

 

3.2.HORACIO:
Naceu en Venusia e morreu en Roma. A súa obra está composta por Épodos, Sátiras, Odas e Epístolas.

-Os Épodos son dezasete poesías, homenaxes a amigos e diversas sátiras. Conteñen a famosa composición “Da vida do campo”, que comeza co verso “ditoso aquel..” sobre o tópico do beatus ille  ou eloxio da tranquila vida no campo.

-As Sátiras tratan diversos temas: viaxes, filosofía, consellos gastronómicos…

-As Odas son cento tres composicións de gran riqueza  perfección estilística e métrica. Non teñen os matices irónicos ou sarcásticos das obras anteriores e dedícanse a cantar os praceres cotiáns e a celebrar as pequenas experiencias e os obxectos da vida diaria (unha mesa, unha fonte, unha vella ánfora, un piñeiro…).

-A Epístola ós Pisones ou Arte poética son catrocentos setenta e seis versos, en forma de carta dirixida ós fillos de Pisón, nos que expón preceptos literarios.

  

3.3.OVIDIO:
É un dos grandes poetas romanos. Cultivou moitos temas: o mitolóxico, o erótico e amoroso, o mitolóxico e a poesía da añoranza no seu exilio.

-De tema mitolóxico: As Metamorfoses (especie de historia da mitoloxía) e Os Fasti (descrición cronolóxica das festas e ritos romanos).

-De tema erótico e amoroso: Arte de amar, Remedios do amor, Amores e Heroidas.

-Poesía da añoranza no seu exilio (poesía do desterro): Tristes e Epístolas.

 
 
 
4)    O TEATRO LATINO

4.1. AS CARACTERÍSTICAS DO TEATRO LATINO:

- Fronte ó teatro grego, que brillou máis na traxedia, o pobo e o carácter romano preferiron a comedia, co seu ton satírico e xocoso. Como consecuencia, o coro perde protagonismo e cambia as súas funcións, limitándose a cantar algunhas cancións ó longo da obra. Ademais, aumenta a importancia do xesto ou o mimo como mecanismo de comicidade.

- A súa intención principal era criticar, ridiculizar e facer rir. Hai unha burla por parte dos autores das institucións, oficios e costumes da sociedade da súa época.

- Os seus personaxes eran moi variados e próximos ós espectadores: amos e criados (servus), comerciantes, soldados fanfarróns (ou miles gloriosus), vellos enganados, vellos avaros, alcahuetas,  mulleres da vida alegre ou severas matronas, mozas impetuosas.

- Linguaxe coloquial e da rúa, ás veces mesmo obsceno.

- Non están ausentes as reflexións morais ou intención aleccionadora.

- Presentan a miúdo un achegamento ou trato irreverente cara ós deuses.

- Os seus temas son tamén cotiáns: avaricia duns e miseria doutros, amores e enganos, presunción e fanfarronería, educación e mocidade, bromas dos criados e violencia dos seus amos.


4.2. PLAUTO:
É o comediógrafo latino máis importante. Inspirouse a miúdo na comedia grega, pero desposuíu aos antigos temas de solemnidade e deulles o ton festivo e irónico que tan ben cadraba co seu carácter, á vez que cargaba as súas obras de alusións a temas romanos e a divindades latinas. Da súa ampla produción lémbranse principalmente: Anfitrión, A pota e O militar fanfarrón.

-Anfitrión é unha desmitificación do nacemento de Hércules, de tal maneira que un asunto da antiga mitoloxía convértese en pura e irreverente farsa.

-En A Pota Plauto trata o tema da avaricia: o avaro Euclión ten unha filla nova, Fedria, e un tesouro legado polos seus avós (unha pota de ouro), que atopou escondido en casa. Cara ó final da obra, róubanlle o tesouro. E a súa filla vai ter un fillo co mozo veciño Licónides. Euclión está enfurecido porque non atopa o tesouro e Licónides está moi preocupado porque cre que Euclión pode enfadarse con el polo estado da súa filla. A pota é unha obra moi imitada despois por outros autores, como o francés Molière.


4.3. TERENCIO:
Nas seis obras súas que se conservan, destaca Os adelfos. O seu tema é a oposición entre unha educación tradicional e austera, defendida polos maiores, e unha educación máis libre e comprensiva, que conduce á nobreza e á sinceridade. Terencio ás veces imita a Plauto, pero ten unha comicidade máis mesurada, sen caer na linguaxe vulgar nin nas duras bromas daquel. Pola contra, as súas obras teñen un toque serio, urbano, e están cheas de reflexións morais dirixidas a un público máis culto.

 

 

 

 

 

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario